• para compartires e descargares!

    Sobre a calidade da nosa lingua


    Autoría: Goretti Sanmartín Rei, Ana Isabel Martínez Fernández, Iván Méndez López
    ISBN: 978-84-9749-235-5
    Editado por: Universidade da Coruña. Servicio de Publicacións
    Data de edición: Febreiro de 2007
    Páxinas: 127

    Descárgao aquí


    Introdución

    O volume que agora presentamos é o segundo dunha serie que pretende ofrecer un modelo de lingua de calidade para os escritos institucionais da Universidade da Coruña. Non se trata dunha gramática nin dun manual de incorreccións máis frecuentes, senón dunha serie de recomendacións que xorden como resultado do traballo que vimos realizando desde abril de 2004 no Servizo de Normalización Lingüística. Partimos, para a súa elaboración, das correccións que se realizaron nesta unidade nos últimos dous anos e procuramos salientar aqueles aspectos máis relevantes e reiterativos nos textos que chegaron a este servizo desde a comunidade universitaria. A selección de contidos non é, pois, aleatoria, senón que responde ao criterio de servir as persoas usuarias do noso servizo e compendiar aquelas cuestións que, desde unha perspectiva gramatical ou léxica, maiores problemas suscitaron e suscitan no emprego cotián da lingua galega.

    O complemento deste texto, desde unha perspectiva fundamentalmente ortográfica, é o primeiro volume que, co título Criterios para o uso da lingua, verá o lume ao mesmo tempo que esta obra. Con estas dúas propostas, o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña quere contribuír á mellora da calidade dos escritos que emanan da institución de ensino superior e consolidar unha utilización coidada do idioma e acorde co momento histórico en que nos situamos.

    Co afán didáctico que pretendemos, incluímos moi escasos contidos teóricos e ofrecemos unha exemplificación que está tirada, na inmensa maioría, dos textos que foron corrixidos neste servizo, nun intento de responder ás necesidades das persoas usuarias da nosa unidade. Dentro desta exemplificación, e seguíndomos o uso xa habitual en textos deste tipo, marcamos con asterisco as formas incorrectas e en negra o elemento concreto a que nos referimos nese apartado, pois pensamos que da súa lectura e contraste pode tirar o público lector un importante aproveitamento. Coa intención pedagóxica que guía esta obra e tendo en conta que se trata de exemplos reais, non manipulamos a redacción inicial que chegou ao Servizo e, por tanto, o/a lector/a reparará facilmente na existencia doutras incorreccións diferentes ás que son obxecto de análise nese apartado concreto. O feito de presentarmos en todas as ocasións as formas correctas ou recomendadas desde a UDC elimina o problema de estes exemplos poderen levar a algún tipo de confusión a respecto da súa consideración como válidos ou adecuados para o contexto de uso que se presenta.

    Por último, incluímos ao final deste volume, nas referencias bibliográficas, algunhas propostas básicas a respecto dos contidos que aquí se mencionan, coa intención de facilitar aqueloutros textos que poidan ampliar ou servir para contrastar as formulacións que aquí defendemos como orientativas.

    Ao final deste volume presentamos un anexo cos erros máis frecuentes dos textos que recibimos habitualmente no Servizo de Normalización Lingüística.

    Agradecemos, por último, o traballo desenvolvido por todas as persoas que, como bolseiras ou contratadas, nos acompañaron no noso labor e, moi especialmente, o das persoas redactoras desta obra, Ana Isabel Martínez Fernández e Iván Méndez López.
    Agardamos que este volume sexa máis un instrumento útil para a comunidade universitaria a que vai dirixido e que poida coadxuvar a mellorar a calidade da lingua que se utiliza na Universidade da Coruña e promover a extensión do seu uso como lingua propia de institución.

    0 comentarios:

    Enviar um comentário

     

    Sobre min

    Ola! Aínda que pareza mentira, esta cousa se lle ocorreu a alguén e ese alguén fun eu, o @echeoqhai de Twitter, aínda que na casa me coñecen por Iván.

    Serei breve: son licenciado en Filoloxía Galega, traballei no SNL e na OSL da UDC, e tamén no SNL de Cerceda. Agora ando enredado na internet.

    Na vida pública son aprendiz de gaiteiro de @osvicentes, secretario dos Curriolos, vogal e de Tempo Novo e xogador dos @Fillosdebreogan.

    Cando teño tempo actualizo este blog e, con menos frecuencia, un outro que tenta ser serio e outro máis que non o é.

    Como comprenderás con esta actividade, son solteiro sen cargas familiares :P